O Partido Popular de Vilagarcía amosou a súa preocupación polos atrasos nas obras do Skatepark do Cavadelo, que comezaron en maio e deberían estar rematadas antes de outubro. Os populares advirten que, a poucos días de rematar o prazo, os traballos seguen na fase de demolición, poñendo en risco a subvención de 110 mil euros concedida pola Deputación de Pontevedra. A portavoz do PP local, Ana Granja, cualificou a xestión do goberno de “vergoñenta” e teme que o custo da obra recaia sobre os veciños de Vilagarcía.
Segundo o PP, este atraso é unha mostra máis da mala planificación do goberno local, que xa pediu varias prórrogas sen éxito. Granja tamén criticou que o proxecto non tivo en conta adecuadamente a posible afección ao aparcadoiro subterráneo. A formación anunciou que solicitará o expediente completo da obra para revisar as modificacións e os prazos.
