Vilagarcía de Arousa estará dende este venres aínda máis conectada coa capital de España grazas á decisión de Renfe de ampliar de 3 a 7 os días da semana nos que o AVLO das 6:36 da mañá realiza o traxecto directo a Madrid, con chegada ás 10:34. Con esta medida, a cidade pasa a contar con tres trens directos de ida e volta no mesmo día, ademais de catro frecuencias adicionais que requiren transbordo en Santiago.
Este avance ferroviario reflicte o bo momento que está a vivir a estación de Vilagarcía, que xa en 2023 superou o millón de pasaxeiros e apunta a un novo récord en 2024. O alcalde, Alberto Varela, destacou esta mellora no marco da súa participación en Fitur, onde Vilagarcía se promociona cunha campaña baseada na conexión rápida con Madrid: “tres horas e un café”.
Con todo, o rexedor local advertiu da necesidade de avanzar na intermodalidade do transporte na comarca do Salnés. Varela subliñou que non ten sentido dispor de conexións rápidas e frecuentes con Madrid e atoparse cunha carencia de transporte público efectivo para moverse pola comarca, un dos principais destinos turísticos de Galicia.
Por iso, o goberno local levará ao pleno do vindeiro xoves 30 unha moción para que a corporación inste á Xunta de Galicia a desbloquear o proxecto da estación intermodal de Vilagarcía, paralizado dende hai 4 anos. Ademais, reclamarase unha ampliación das frecuencias do transporte intercomarcal, integrando a estación ferroviaria como eixo central da mobilidade no Salnés.
