A FUNDACIÓN DE DEPORTES SUPERA OS 2.400 USUARIOS NO 2024
AS ACTIVIDADES PARA ADULTOS CHEGAN AOS 1.700 PARTICIPANTES E O CONCELLO ORGANIZA OU COLABORA EN 95 EVENTOS DEPORTIVOS
A Fundación de Deportes de Vilagarcía superou no 2024 os 2.400 usuarios, segundo a memoria anual que se presentará no pleno de finais de mes. O maior número de participantes corresponde ás actividades deportivas para adultos, con 1.700 inscritos, seguidas polas Escolas Deportivas Municipais (353 alumnos) e as actividades de verán (348 usuarios). Ademais, o Concello organizou ou colaborou en 95 eventos deportivos ao longo do ano.
O PROGRAMA DEPORTIVO MUNICIPAL, EN CRECEMENTO
A Concellería de Deportes, dirixida por Carlos Coira, fixo balance das actividades do curso 2023-2024. As actividades físicas para adultos en inverno sumaron 1.733 participantes, destacando o programa “Vilagarcía en Forma” con 980 usuarios que practican ioga, pilates, aeróbic ou ximnasia acuática, entre outras disciplinas. Pola súa banda, o programa “ACTIVO MAIORmente”, destinado a maiores de 65 anos, contou con 752 persoas en inverno e outras 177 no verán.
No ámbito infantil, as Escolas Deportivas Municipais rexistraron 353 alumnos, con especial atención aos deportes minoritarios. O maior número de participantes foi en pádel (64), seguido de baloncesto (42), patinaxe (39) e atletismo (35), entre outros. Tamén destacou a Escola de Navegación, con 103 usuarios repartidos en vela, salvamento, piragüismo e remo.
As actividades de verán tamén tiveron unha gran acollida, con 94 inscritos en programas de acondicionamento físico para adultos e 77 na Escola Multideportiva, que ofrece iniciación a deportes colectivos e xogos alternativos.
VILAGARCÍA, SEDE DE IMPORTANTES EVENTOS DEPORTIVOS
No 2024, a Fundación de Deportes organizou unha decena de eventos, entre os que destacan o XX Torneo de Tenis de Verán, con 131 participantes, e a XX Carreira Nocturna, que reuniu 373 atletas. Outros eventos destacados foron a Copa Galicia de Pump Track, o Campionato Galego de Triatlón por equipos contra reloxo e o Campionato Galego de Medio Maratón.
Ademais, o Concello colaborou na organización doutros 85 eventos deportivos, acadando o seu pico no mes de xullo con 19 probas. Entre as competicións máis relevantes figuran o Campionato do Mundo Júnior de Vela, o Campionato de España Universitario de Vela, o Campionato de España de tenis de mesa de veteranos e distintos torneos de fútbol e baloncesto.
A inclusión tamén tivo un papel destacado, con catro eventos de deporte adaptado como o Campionato Galego de Atletismo de Special Olympics ou a XII Marcha Ciclista Unificada.
MÁIS DE 3,2 MILLÓNS DE EUROS EN MELLORAS DE INFRAESTRUTURAS
A Fundación de Deportes investiu 3,2 millóns de euros na modernización das instalacións deportivas municipais. A maior partida destinouse á reforma do Pavillón Sara Gómez (2 millóns de euros), onde se renovou a cuberta, illamento, vestiarios e climatización.
Tamén se acometeu a reforma dos vestiarios da piscina municipal, cun investimento de 600.000 euros, e a substitución dos céspedes nos campos de Berdón e Manuel Jiménez, ademais de melloras no Estadio Municipal Mari Paz Vilas, A Lomba e os pavillóns de Carril e Deportes Náuticos.
O concelleiro de Deportes destacou que se seguirán mantendo reunións cos clubes en 2025 para atender as súas necesidades e continuar mellorando as instalacións deportivas de Vilagarcía.
