O deputado provincial Ricardo Martínez visitou este martes Pontecesures acompañado da alcaldesa Maite Tocino para anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres un investimento de 225.450 euros da liña 1 do Plan +Provincia, que permitirá financiar integramente as obras de reforma da rúa Raimundo García Domínguez “Borobó”. En total, ao concello correspóndenlle 422.734 euros do Plan +Provincia 2025, considerado o plan de obras e servizos máis transformador da institución provincial.
Durante a visita, Martínez detallou que os traballos consistirán na reurbanización integral desta rúa situada no núcleo urbano, co obxectivo de corrixir deficiencias de seguridade viaria e accesibilidade peonil, así como de solucionar problemas estruturais na rede de saneamento. As actuacións inclúen:
• Reasfaltado das zonas de tráfico rodado
• Nova pavimentación nas zonas peonís
• Instalación de bordes, bolardos e botóns podotáctiles
• Mellora da rede de drenaxe
• Sinalización horizontal e vertical
• Execución dunha nova senda peonil desde a pasarela sobre a N-550 ata a rúa
O deputado destacou que “somos un goberno municipalista que escoita as demandas dos gobernos locais e atende as súas necesidades”. Tamén puxo en valor o Plan +Provincia, que este ano conta cun orzamento de 48,2 millóns de euros, dos cales 19,4 xa foron distribuídos entre os concellos de menos de 50.000 habitantes.
“O noso obxectivo é que a provincia de Pontevedra vaia a máis e avance como nunca antes”, asegurou Martínez, subliñando que grazas aos plans provinciais “moitos concellos poden afrontar actuacións que doutro xeito serían imposibles de realizar, contribuíndo así á modernización do territorio e á mellora da calidade de vida da veciñanza”.
