O grupo municipal do PP de Catoira vén de denunciar que a situación económica do Concello continúa nun estado de estancamento absoluto, sen sinais de mellora e mesmo con indicios de empeoramento. Segundo os datos facilitados polos populares, a débeda viva con entidades bancarias e financeiras ascendía ao peche do ano 2024 a 3.658.285 euros, mentres que os gastos municipais superaron en 535.000 euros os ingresos recadados por impostos e transferencias.
Os populares aseguran que o pasivo real do Concello sitúase claramente por riba dos 5 millóns de euros, xa que, ademais da débeda bancaria, existen 1.176.980 euros en facturas pendentes de pago correspondentes ao último trimestre de 2024 e outras obrigas económicas de exercicios anteriores que aínda non foron abonadas.
A voceira municipal do PP, Estefanía Frieiro, lamentou que a débeda bancaria apenas se está a reducir, xa que só se pagaron 127.875 euros nos primeiros catro meses de 2025. “A este ritmo, a débeda bancaria que afoga ao noso Concello tardará moitísimos anos en saldarse”, advertiu.
Fronte a esta situación, Frieiro denunciou o “terrible desfase” entre ingresos e gastos baixo o mandato do alcalde nacionalista Xoán Castaño. O exercicio 2024 pechouse cunha recadación total de 3.342.000 euros, fronte a uns gastos comprometidos de 3.877.000 euros. “O goberno do BNG fai unhas previsións de ingresos infladas, gasta como se foran reais e logo as contas non cadran. Así acaban deixando case 1,2 millóns de euros en facturas sen pagar”, afirmou.
Por este motivo, o PP insta ao goberno local a aplicar de inmediato un plan de choque baseado na contención do gasto superfluo, que, segundo Frieiro, “é excesivo e ben coñecido por todos os veciños”.
Ademais, criticou que Catoira sexa o segundo concello máis incumpridor da provincia no pago a provedores, cunha media de 261,75 días, case oito meses por riba do límite legal.
“A xestión económica de Xoán Castaño é unha continuación da de Alberto García: un modelo de esquerda que gasta sen control, sen utilidade social e que pon en risco os servizos municipais e a viabilidade das pemes e autónomos que traballan para o Concello”, concluíu a concelleira.