O voceiro do PP da Illa de Arousa, Matías Cañón, amosou o seu total desacordo coas declaracións do alcalde, Luis Arousa, quen presume dunha redución do tráfico do 50% nas zonas afectadas polas novas restricións. Para o PP, esta medida non está funcionando e “só está botando aos veciños do pobo, porque por agora non hai turistas na Illa”.
Segundo Cañón, “a xente xa ten medo a circular pola súa propia vila” e lembra que “nin durante a Semana Santa nin no mes de maio houbo unha chegada significativa de visitantes, polo que os únicos prexudicados son os propios arousáns e veciños de concellos limítrofes como Cambados, Vilanova ou Vilagarcía”.
📉 O PP alerta de que a situación irá a peor a partir do 15 de xuño, cando se activen as multas. Lembran que a baixada da circulación xa foi notable: un 38% na Abilleira, 29% no Cruceiro e 55% na Torre durante Semana Santa, cifras que o goberno local eleva agora ata o 50% en maio.
🧱 Cañón tamén sinala que estes datos poden estar distorsionados polo feito de que unha das zonas estivo en obras. Ademais, critica que as medidas van impactar negativamente no comercio local: “Moitos provedores non poderán acceder porque o Concello xa anunciou que rexeitará boa parte das 300 solicitudes recibidas para circular polas zonas restrinxidas”.
📦 Os populares acusan ao goberno de improvisación: “O alcalde admite que moitas multas estarán mal postas pero que se corrixirán… iso é recoñecer que isto é un experimento coas vidas e os negocios dos veciños”.
🛑 Por último, Cañón recorda que estas restricións “non se están a aplicar en ningún outro municipio da provincia agás Pontevedra”, e advirte: “A Illa non é unha cidade nin funciona como tal”. Tamén respondeu ás críticas do alcalde por suposto populismo: “Está completamente só, só ten o apoio do BNG. A asociación de empresarios, os transportistas, case todos os negocios e a inmensa maioría dos veciños están en contra destas medidas”.